Volta a Galicia

Vitoria ao sprint de mauricio muller na segunda etapa e belda segue como líder da volta a galicia

O Supermercados Froiz tentou mover a carreira, pero ao final chegou o pelotón agrupado a Carballo.


José Belda salvou o primeiro obstáculo e segue como líder destacado na décima edición da Volta Ciclista a Galicia. O corredor da selección arxentina Mauricio Muller logrou a vitoria de etapa en Carballo, nunha chegada ao sprint, a pesar de que o SuperFroiz atacou durante toda a etapa tentando poñer en apuros ao equipo do líder.

Trala dura etapa de onte, os corredores saíron un pouco máis relaxados. Nos primeiros quilómetros houbo pequenas escaramuzas pero sen consecuencias, xa que o pelotón controlaba con facilidade estes saltos. A primeira escapada con certa consistencia foi a do quilómetro 23, na que se foron once homes e lograron unha distancia de medio minuto sobre o grupo principal, pero aí rematou a aventura.

Houbo máis intentos, case sempre con algún home do Froiz e da Selección Arxentina, pero non lograban abrir un oco importante. Así chegan ao primeiro alto (Boaño, de terceira categoría) onde coronou en primeira posición o ciclista do Liberty Seguros, Domingo Gonçalves. No descenso, rómpese un pouco o pelotón, e os corredores Israel Pérez (Extremadura)  e Aser Estévez (Froiz) logran aumentar as distancias ata 50 segundos no quilómetro 65. No quilómetro 61 salta do pelotón David Francisco Delgado (Camargo) e logra contactar coa cabeza de carreira e este trío, que logrou unha distancia máxima de 1,05 sobre o pelotón, segue en cabeza ata o quilómetro 87. Foron trinta quilómetros de escapada, cun dos homes importantes na fuga, e sen dúbida os mellores momentos da etapa.

Despois, con todo o pelotón agrupado, case nada. Intentos sen moita confianza e absoluto control do equipo do líder, o Guerola Valencia, que non sufriu en exceso. A única escapada consentida polo pelotón foi a dos ciclistas Adrián López (Padronés) e Israel Pérez (Extremadura) no quilómetro 104, que despois contou como coa presenza de Jordi Simón (Caja Rural). Estiveron escapados ata falta de uns quilómetros para meta, xa que o Froiz comezou a tirar para tentar unha chegada ao sprint. Finalmente, a chegada foi masiva e o gañador foi o ciclista da selección arxentina Mauricio Muller, por diante do coruñés Carlos Bruquetas (do Froiz).

Mañá, última etapa, Cuntis-Cuntis, de 115 quilómetros, con saída ás 10:30 horas. A xornada ten dous altos (Castro Loureiro de terceira categoría, e Alto Folgoso, de segunda) e o SuperFroiz volverá a atacar ao líder da xeral, José Velda, que ten 1:12 de distancia sobre o segundo clasificado.


Misschien ook interessant: