Volta a Galicia

España : Luis Afonso gana la XI Volta a Galicia

A Volta a Galicia - Trofeo Deporte Galego ensánchase ao futuro co triunfo de Luis Afonso (Liberty). O mozo ciclista portugués, ben arroupado polo seu equipo, defendeu con admirable brillantez e gran serenidade o liderado que conquistara na segunda xornada. O triunfo na etapa final (O Barco - O Barco, de 116 quilómetros) resolveuno con claridade Arkaitz Durán (C.C. Spol) no seu duelo particular co seu compañeiro de fuga Jesús del Pino (Caja Rural).
Luis Afonso é o primeiro corredor sub 23 nas once edicións da rolda que acaba facéndose coa xeral final, algo que, por un lado, fala da dificultade da carreira e, por outro, dos grandes obstáculos que as novas xeracións teñen para abrirse camiño. Pero nunha carreira afeccionada, destinada en principio a descubrir novos valores, botábase de menos a irrupción dos novos talentos.
Iso foi posible da man do ciclista luso, quen, malia a súa xuventude, ten xa unha boa bagaxe ciclista. Este mesmo ano disputou a proba a Volta a Portugal de profesionais, e o triunfo en Galicia vaino catapultar a bo seguro definitivamente cara á máxima categoría. Na primeira parte da etapa, a loita centrouse no maillot das metas voantes, que tiña no seu poder Javier García (Caeiro - Cambre) e que conseguiu afianzalo ao puntuar en primeiro lugar no paso por meta previo á entrada definitiva. O percorrido foise internando na montaña, onde se esperaban acontecementos relevantes, pero nese terreo o líder mostrou unha gran fortaleza, rodeado, ademais, dun sólido equipo. Luis Afonso coroaba nun reducido grupo de cabeza o porto de Riomao, de primeira categoría. O paso polos tres portos de montaña -os dous últimos de terceira- deixou na cabeza de carreira a un grupo de quince corredores, do que se destacaron os dous primeiros da etapa con Vallejo (Supermercados Froiz), pero unha caída enviou o ciclista abulense ao grupo perseguidor, no que se encontraba o líder. En liña de meta, con presenza de moito publico, Arkaitz Durán, que corría cedido na rolda galega co C.C. Spol, anotábase talvez a súa última vitoria da tempada antes de regresar a profesionais nas filas do Movistar.  
A 16 segundos entraba o grupo do líder e os dous corredores que o secundaron no podio: David Francisco Delgado (Gomur) e Miguel Gómez (Supermercados Froiz), segundo e terceiro clasificados, respectivamente. A formación de Evaristo Portela venceu por equipos, mentres que Diego Maroño (sétimo na xeral) e Javier García, ambos os dous do Cambre - Caeiro se levaron os maillots de primeiro galego e das metas volantes (Trofeo Powerade).
Estas pezas foron as dúas únicas que deixou Luis Afonso, quen ademais do maillot amarelo (Trofeo Deporte Galego) se leva para Portugal o da Xuventude e o da montaña. O acto protocolario da entrega de premios estivo presidido polo alcalde do Barco, Alfredo García Rodríguez, o deputado provincial e Alcalde a Rua, D. Avelino García e polo presidente da Federación Galega, Manuel Tallón.


Misschien ook interessant: